31/1/08

EL ATENTADO de Yasmina Khadra

A vida sorrinos, a sorte tamén. Amamos e somos amados. Os nosos soños marcan a pauta da realidade que vivimos. E de súpeto, sen avisos, o ceo vénsenos enriba. É nese intre cando nos damos conta que a vida – toda a vida - coas súas ledicias e penas, as súas promesas e os seus desenganos, pende dun fío tan inconsistente e impredicíbel como o dunha arañeira.

Esta é a historia dun atentado, dunha muller-bomba e da busca de “explicacións” que emprende o seu home, tratando de recompoñer os fragmentos da súa vida, que non deixa de preguntarse que se pode contar a alguén para convertela así nun monstro, nunha terrorista, nunha integrista suicida. ¿Como pode unha persoa “normal”, sa física e mentalmente, decidir quen sabe por que, que ela está investida dunha misión divina, e renunciar aos seus soños, á súa vida e ás súas ambicións para inflixirse unha morte atroz mediante a peor das barbaries?

E ás veces parece que ata os terroristas máis curtidos ignoran o que lles ocorre de verdade. Basta un chispazo no subconsciente. E a partires dese intre a túa forma de ver o mundo cambia, só tes unha idea fixa e xa non hai volta atrás. E deixas de mandar en ti, creste dono dos teus propios actos, pero non é certo. O mesmo che ten vivir que morrer, un “prodixio” premiado có estatuto de mártir. E o máis tráxico é que nalgunha parte de ti mesmo renunciaches a aquelo que podería traerche de regreso ao mundo...

E este “sacrificio” non implica “só” ao mundo enteiro, senón ás persoas que che aman e que senten que se lles fodeu a vida, estragouse o seu fogar e converteuse en po todo aquelo que levantaron xuntos pedra a pedra. Perden todo a cambio de nada.

Fai tempo lin unhas declaracións dun palestino “Vostede viu como os israelís asasinan á nosa poboación, como bombardean as nosas cidades con tanques, con misiles, agora con avións F16. Se tivésemos cazabombarderos F16 utilizariámolos, nos tamén os utilizaríamos contra Israel. Pero non os temos. E as nosas alternativas son claras: o arriar a bandeira branca e rendernos ou utilizar todos os nosos medios de loita ao noso alcance. E isto é o que estamos a facer”...

É difícil de entender. Ás veces rexeitando todo ese horror tamén se fai o mesmo coa propia tribo. E non hai tempo nin ganas para interesarse polos traumas que socavan as chamadas á reconciliación dos pobos elixidos que optaron por converter a terra bendicida por Deus nun campo de horror e ira. Non se aplaude o combate duns nin se condena o dos outros pois a actitude de ámbolos dous parece pouco razoábel. E non nos sentimos implicados nese conflicto sanguento tan preto e tan lonxe de nós.

Todo por Xerusalén, cidade dos sonos de israelís e palestinos, hoxe esnaquizada por ese muro sacrílego, produto da inconsistencia dos homes e das súas discordias, que aí segue conservando a fe, hoxe máis que nunca a pesares de todo e de todos.

No hay comentarios: