22/6/11

SALAMANDRA MONOGRÁFICO

De cara ás vacacións de verán, Biblioarzúa quere propoñervos toda unha serie de libros e novidades cunha especial característica: son todos da Editorial Salamandra.

Temos un montón de novidades que tiveron moito éxito de peticións en canto chegaron a Biblioarzúa e que son as que queremos propoñervos: para todos os gustos, para todas as idades, para todas as persoas....

Todo un verdadeiro pracer a lectura destes libros cara o verán. En Arzúa estamos verdadeiramente emocionados e queremos dar as gracias a Editorial Salamandra por editar estos libros. Gústanos especialmente a colección X Aniversario con eses 10 títulos que son verdadeiras xoias.

Animádevos á lectura con Salamandra:

19/6/11

UNHA XORNADA CON MANUEL E A SÚA SINFONÍA FIORENTINA

Título: Sinfonía Fiorentina
Autor: Manuel Lamas
Editorial: Meubook

Manuel Lamas, o noso compañeiro acaba de publicar o que é a súa primeira novela.

Porque é máis que un compañeiro invitámolo a Biblioarzúa para que presentara en VERDADEIRA PRIMICIA este libro. Pasamos unha mañá moi entretida falando con el do seu libro e dalgunhas cousas máis, pero deixo que sexa el quen vos fale porque o fai moito mellor ca min, aqui van algunhas das súas palabras deste día tan singular.


Na vida partimos do que somos, algo que vai sendo configurado polas nosas vivencias particulares. Polo tanto cando nos poñemos diante dunha pantalla en branco e comezamos a enchela con historias, levaran de feito ese toque persoal froito das nosas experiencias vitais. Mais, isto non quere dicir que se estea contando a nosa historia particular. Unha obra de ficción literaria, e esta novela non o vai a ser menos, será pois un reflexo difuso de quen a deseña e lle dá forma.

O título, sinfonía fiorentina, responde pois a uns intereses que nos levan axiña a unha cidade, Firenza, onde Stendall non puido evitar unhas bágoas

É unha historia de amor, pero non sentimental, non se lembran os tempos pasados para sentirse ben e felices. Ao contrario, só son o resorte, a base para obrigalos a vivir o presente, que é o que conta. Estamos ante unha historia realista, e polo tanto, non todo é de cor de rosas, os medos e as dúbidas están presentes en toda a obra e convértense así no fío condutor, e é máis, van a ser xunto coa paixón e o amor os que escriban o final. Amor, paixón, medos e dúbidas son unha parte fundamental, son o que lle dá vida a unhas personaxes e uns escenarios.


Foi emocionante. Mauel: moita sorte e esperemos terte moi pronto outra vez en biblioarzúa.

Mentras tanto deíxovos unhas imaxes dese día e o enlace ao seu blog.

13/6/11

IV Xornada dos Clubs de Lectura

O pasado venres, día 10 de xuño, celebráronse en Santiago de Compostela as IV Xornadas dos Clubs de Lectura. Poderiamos comentar, con agrado, a boa organización do evento, o acerto na elección dos conferenciantes, a marcha fluida das diversas actividades nas que participamos, e un longo etcétera. Pero o que máis satisfacción e -temos que confesalo-, tamén unha certa sorpresa, nos causou foi o entusiasmo: moitas daquelas persoas presentes amosaban un grandísimo entusiamo polo seu traballo, unha ilusión polas cousas ben feitas, unha vontade desinteresada de participar. Desexamos que se podan celebrar unhas V Xornadas e esperamos poder participar nelas.

10/6/11

O ARTE DE VOAR

Título: El arte de volar
Autores: Antonio Altarriba Ordóñez e Kim (ilustracións)
Editorial: Edicións de ponent


Nun cómic en branco e negro asistimos a unha desgarradora crónica da vida de Antonio, un español do século XX.

É iste un despiadado retrato da condición humana que nos representa a todos: un home suicidase poñendo fin a unha vida marcada polo fracaso e a frustración. Ao igual que outros homes e mulleres tentou construir un mundo máis xusto e a Historia doulle as costas, quixo voar coas ás da ilusión e rematou estrelándose.

El arte de volar está en Biblioarzúa

6/6/11

XORNADA DE TREPA

O martes 31 de maio o alumnado de 1º curso do CS de Recuros Naturais e Paisaxísticos e os profes Mamen, Manuel e Goreti (como sempre, estes apúntanse a toda canta festa se organice..., jaja) estiveron todo o día en Ribadiso nunha xornada de "trepa", e para os non expertos aclaro que trátase de trepa de árbores...

Coa colaboración de Lois Arenas Barreiro, director da CFEA de Guísamo, e de Francisco Rodríguez Trinidad, da empresa de arboricultura ARCE, realizouse unha xornada de trepa.

Esta actividade está integrada no módulo de Instalación de xardíns e restauración da paisaxe, no 1º curso do CS.

Divididos en grupos, traballamos os nós empregados en arboricultura e en ascenso e descenso de árbores, coñecimos de primeira man os equipos, os materiais e as técnicas de seguridade, e finalmente realizaronse as subidas e descensos.

Dende aquí queremos dar as grazas á Lois, a Fran e a Guillermo, pola súa colaboración desinteresada.




De paso aproveito para propoñervos que botedes unha ollada a un libro precioso sobre as árbores de Galicia que temos en Biblioarzúa


Título: Árbores de Galicia

Autor: Adela Leiro Lois / Mon Daporta / Victor M. Caamaño Rivas / Manuel Núñez Pérez / Isaac Pontanilla Pérez / Xoán Colazo Pazó

Editorial: A nosa terra

1/6/11

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)