30/3/08

As mochilas viaxeiras saen da biblioteca...

A maioría de vos xa sabedes que fai pouco chegaron como regalo dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares, unhas "mochilas viaxeiras" para que dalgún xeito lle deramos forma a idea de que saíran da biblio cargadas de libros e de ilusións, cara as casas, para que a lectura fose compartida en familia. O mércores previo as vacacións de semana santa, as 5 mochilas traspasaron o umbral da biblio e comenzaron a súa andaina con ilusión, impaciencia, incertidume e tal vez un pouco de medo... OKi e máis Catalina preparáronnas e entregáronnas con todo o cariño do mundo ós 5 primeiros rapaces, comenzando a viaxe cara a lectura en común coa familia. O pasado mércores volveron a saír, esta vez un pouco menos nervosas pero igual de ilusionadas,... todavía é cedo para saber si a experiencia é positiva ou non, e ver que podemos mellorar, pero si mirades estas fotos veredes que prometer promenten... A ILUSIÓN, igual que moitas outras cousas contáxiase, E NON SERÁ POR FALTA DE ILUSIÓN polo que as mochilas fracasen, porque non vos podedes imaxinar CANTA ILUSIÓN, AMOR E ESPERANZA HAI POSTA NESTA ACTIVIDADE QUE VAI DIRIXIDA ÓS NOSOS ALUMNOS E ALUMNAS DE PRIMEIRO DA ESO (para comenzar) ... porque temos pensado ampliarla e tamén continuar facendo da biblioteca UN LUGAR DE ENCONTRO, Ó SERVIZO DE TODA A COMUNIDADE DO CENTRO. Contamos con todos e todas para logralo...
BOA VIAXE E ATA PRONTO

29/3/08

BIBLIOTECA ÁNXEL CASAL

Estamos de noraboa: despois de máis de 15 anos desde a idea orixinal, Santiago conta dende esta semana cunha gran biblioteca pública: A bibioteca Ánxel Casal, que inicalmente se abre con 60.000 volumes aínda que pode albergar ata 300.000.

Conta con 4 prantas, nas que atopamos, salón de actos, hemeroteca, bedeteca, sala multimedia para acceso a internet, sala infantil (toda unha pranta dedicada aos máis pequenos),etc.

Parece que vai converterse nunha biblioteca de referencia con innovadores sistemas de última xeración para a xestión dos seus fondos, e segundo o Presidente da Xunta de Galicia na inauguración da mesma tamén é " a máis novedosa, innovadora, e plenamente adaptada ao tempo que vivimos".

26/3/08

CABALEIROS DA VERA CRUZ

Todo país posúe nun momento da súa historia, un ou varios monumentos que dan a medida do que é e permiten delimitar o seu presente e pasado e futuro que soña para si. Estamos en Terra Santa, e Saladino ademais de derrotar ao exército cristián na batalla dos Cornos de Hattin arrebata aos francos a Vera Cruz.
Un cabaleiro da orde do Hospital é capturado, torturado, renega da súa fe e como redención parte en procura da Beira Cruz para devolverlla aos francos e tratar de salvar Xerusalén.
A súa procura parece imposible pero hai unha forza especial que o acompaña, protexe e coida.
Unha historia de cruzadas, de guerra e relixión nunha época na que todo parece resolverse coa vida e coa morte.
David Camus, neto d0 célebre escritor Albert Camus, debutou na novela con este libro.

25/3/08

Das matemáticas tamén nace poesía

Por pura casualidade, buscando poesías atopei a páxina do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz e na páxina de matemáticas atopeime coas palabras máxicas e incompatibles, que se fan realidade: POESÍA e MATEMÁTICAS. Aconséllovos que a visitedes, seguro que disfrutades un rato con esa marabillosa seleción que eu traiovos en forma de dúa poesías .... PARA QUE LOGO DIGAN QUE A MULTIPLICACIÓN e a CIENCIA son sosas e un coñazo... LEDE, LEDE QUE TEN MOITA MIGA. Todo hai que dicilo, nas verbas de Gabriel Celaya as matemáticas convértense en pura poesía.


Multiplicación (GABRIEL CELAYA)
Uno por uno es el hombre
cualquiera como Dios manda
y ese salvar las distancias
que –mala cuenta- se cantan.
Dos por uno es la evidencia
que en un dos por tres tendrás.
Dos por cuatro, buen compás.
Dos por cinco, la sorpresa
del diez redondo y total.
¡Qué divino es, por humano,
el sistema decimal!
Cero por cero es la luz,
Cero por uno, el problema
(Pues con él yo creo el tú).
Cero por dos, el amor.
También el cero, mas en ¡oh!
(¡Oh!, que es un eco de yo)
Cero por tres... ¡Atención!
Debe haber algún error,
pues cuanto más multiplico
más repito: yo, yo, yo.


Así se escribe la ciencia (GABRIEL CELAYA)
Kepler miró llorando los cinco poliedros
encajados uno en otro, sistemáticos, perfectos,
en orden musical hasta la gran esfera.
Amó al dodecaedro, lloró al icosaedro
por sus inconsecuencias y sus complicaciones
adorables y raras, pero, ¡ay!, tan necesarias,
pues no cabe idear más sólidos perfectos
que los cinco sabidos, cuando hay tres dimensiones.
Pensó, mirando el cielo matemático, lejos,
que quizá le faltara una lágrima al miedo.
La lloró cristalina: depositó el silencio,
y aquel metapoliedro, geometría del sueño,
no pensable y a un tiempo normalmente correcto,
restableció sin ruido la paz del gran sistema.
No cabía, es sabido, según lo que decían,
más orden que el dictado. Mas él soñó: pensaba.
Eran más que razones: las razones ardían.
Estaba equivocado, mas los astros giraban.
Su sistema era sólo, según lo presentido,
el orden no pensado de un mundo enloquecido,
y él buscaba el defecto del bello teorema.
Lo claro coincidía de hecho con el espanto
y en la nada, la nada le besaba a lo exacto.

11/3/08

O home que foi quen de medir a terra coa súa cabeza...

Antes de que Magallanes e Elcano desen a primeira volta ó mundo no século XVI, moitos aínda pensaban que a terra podía ser plana. Resulta asombroso pensar que, case 2000 anos antes, os gregos non só achegaron probas convincentes da súa efericidade, senón que incluso un deles ERASTÓSTENES, conseguiu calcular o seu tamaño (máis ou menos polo ano 255 a.c.). Eratóstenes nos seus estudos dos papiros da biblioteca de Alexandría (da que foi director) atopou un informe de observacións en Siena (a uns 800 Km. ó sureste de Alexandría, no que se dicía que os raios solares ó caer sobre unha vara o mediodía do solsticio de verán non producían sombra. Entón o noso pensador realizou as mesmas observacións en Alexandría e asumiu (de forma correcta) que si o sol se atopaba a gran distancia, os seus raios ó alcanzar a terra debían chegar en forma paralela si esta era cha, segundo se creía naquela época, e non se deberían atopar diferencias entre as sombras proxectadas polos obxectos á mesma hora do mesmo día, independentemente de onde estiveran.
Pero, Erastóstenes, observou que si había diferencia. Deste xeito deduciu que a terra non era cha e utilizando a distancia coñecida entre as dúas cidades e o ángulo medio das sombras calculou a circunferencia da terra nuns 39690 quilómetros. E o máis asombroso de todo e que está increiblemente próxima á considerada correcta na actualidade, eso si, sen utilizar sofisticadas tecnoloxías para facer esa medición (errou en menos do 1%).

Erastótstenes fíxoo só coa súa intelixencia e coa súa cabeza, demostrando que a cabeza serve para algo máis que para lucir enriba dos ombreiros.

¿Que vos parece? Como dice unha vella canción que me cantaba a miña avoa:

Tan tan tan tan tantarintiña
o que non pensa
non ten cabeciña.
Tan tan tan tan tantarontola
o que non pensa
non ten cabezola.

ASI QUE XA SABEDES A PENSAR E A UTILIZAR ESA MARABILLOSA MÁQUINA QUE É O CEREBRO


10/3/08

MEMORIAS DE UNA SUPERVIVIENTE

Aproveitando a celebración da semana pasada vos propoño hoxe este libro da última Premio Nobel de Literatura, Doris Lessing, (por certo esta fotografía dela é preciosa, a min me parece que mostra un pouco a súa "alma") que aínda que non é doado de ler creo que vale a pena que o intentedes (por certo sabiades que hai 11 mulleres Premios Nobel de Literatura fronte a 93 homes?)
A historia situase nun futuro sórdido e inquietante, onde a barbarie gañou a batalla á civilización e a desintegración de todo aquilo coñecido é a realidade cotiá.
Neste contexto, onde cada ser humano loita por sobrevivir, a protagonista queda a cargo dunha nena que irá crecendo e implicándose nos restos de sociedade que se forma ao seu redor.
A sensación de que a terra se disolve baixo os pes, a irrealidade que se palpa como unha náusea fan que os habitantes desta cidade fantasmal non poidan máis que a farsa de cuspir contra o furacán.
Nunha época salvaxe e desapiadada, onde parece que non quedan sentimentos, piedade, compaixón ou mesmo amor, os protagonistas “botan unha ollada ás forzas que poden salvarlles da destrucción total” e atopan o residuo humano que aínda queda nuns poucos elixidos para formar unha especie de fogar, (seguramente non considerado como tal por algúns extremistas de hoxe en día...), e a pesares da desintegración e os medos que parecen acadalo todo constrúen un lugar de afecto e protección onde regresar uns a outros sempre, en suma: unha familia.

9/3/08

Dende a educación É POSIBLE...

Unha moi querida amiga, Olga, dende a súa Malpica da alma, á que quere máis que moitos dos galegos, xa que como ela di, eu vivo en Malpica porque quero, e reivindico Malpica porque si, porque é o lugar que eu e a miña familia eliximos para vivir.... pois esta muller convencida das súas crenzas e das súas raíces deixounos un comentario nunha entrada que ela mesma preparou e que tivo a xenerosidade de compartir con todos e todas os que estamos neste mundo das Bibliotecas Escolares e quero que quede claro que estou con ela en todo o que di, e creo que se debe ver e dicir moi alto. Nós, dende a educación, como educadores e educadoras das novas xeracións, podemos cambiar o mundo, podemos modificar o pensamento e podemos e debemos ser capaces de defender os dereitos de todos e tamén como non da muller para que por fin acade o lugar na sociedade que lle corresponde como ser humano...

"Cando coñecin a Balbina a miña capacidade de escándalo disparouse. Atribuín a súa situación á antropoloxía cultural de Galicia. Tardei algún tempo en entender que, salvando as apariencias, case tódalas mulleres que eu coñecera ata aquel momento eran balbinas. Mesmo as urbanitas, as profesionais cualificadas, as non galegas... Dese descubrimento saeu o firme propósito de non ser balbina, de non ser nai de ningunha balbina e de facer o posible desde a atalaia privilexiada da educación de nenos e nenas para que es modelo non fóra perpetuable". (Olga)

Para Olga, Loly, Charo, Gracia, Bea, Rosana, Oki, Cristina, Pilar, Mª Luz..... (mulleres que dende as bibliotecas están a loitar por un mundo máis xusto)...e a todas as demais mulleres que se me quedan no tinteiro e tamén os homes que haberlos hailos (Antonio, Toño, Beni, Mario, Anxo, Jose, Manuel, Oscar...) que axudaron e axudan a cambiar este mundo facéndoo máis xusto, máis habitable, ... en definitiva MÁIS HUMANO. E por suposto para BALBINA

8/3/08

8 de Marzo, día da muller

¿Ata cando?

Balbina vive nunha aldea pequena moi perto de Compostela. Érguese moi cedo. Mentres Manuel e o neno durmen, ela alista os animais, prepara a pota da comida que deixará cocendo toda a mañá co lume baixiño e fai o almorzo.

Levanta ó neno e prepárao para ir á escola.

Érguese Manuel, almorza e prepara o tractor para marchar.

Botan a mañá traballando nas leiras.

Ó mediodía volven á casa. Balbina pon a comida na mesa e comen. Despois de comer, o neno marcha para a escola, Manuel vai botar unha siesta e Balbina, despois de recoller a cociña vai ó río: lava, pon a roupa ó clareo se non chove… Cando volve á casa Manuel xa se ergueu, prepáranse e van traballar a outras leiras.

Volven coa tardiña. O neno xa chegou e está xogando. Manuel aséase e vai á lareira de Alfredo, o veciño, a saber das novidades.

Balbina muxe as vacas e acomoda os outros animais. Fai de cear mentres axuda a José Manuel cos deberes. Cean todos xuntos. O neno déitase. Manuel pónse a ver a televisión e Balbina tamén, mentres repasa unhas pezas de roupa que recolleu hoxe do tendal.

Esta historia é real e tódolos personaxes tamén.

Para Balbina, e para tódalas balbinas que , mentres facían todo esto non podían abrir unha conta no banco sen o permiso do marido, nin quitar o pasaporte…. A tódalas mulleres que non pudieron votar a Constitución española porque non tiñan vinteún anos e viron como os seus compañeiros de dazaoito sí o facían.

¿por canto tempo, aínda balbinas?

A Muller Galega do Século XXI
(Clica na imaxe para ver o álbum)


A Muller Galega de principios do Século XX




Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

7/3/08

Imos contar mentiras !!!

Imos contar mentiras...
Ou non.

Soñamos con que algún día nada disto sexa unha triste realidade. Con que homes e mulleres sexan exactamente iguais e gocen exactamente dos mesmos dereitos. Con que non haxa nin unha soa muller que sexa violada polo simple feito de selo. Con que non existan os burkas, nin os medos. Con que o traballo doméstico sexa realizado por dúas persoas e non por unha. Con que os salarios sexan exactamente os mesmos. Con que as oportunidades sexan as mesmas. Con que non haxa unha soa muller que teña medo a ser nai por non quedar sen traballo. Con que non existan diferenzas.

Cando teñamos unha sociedade, un planeta inequívocamente solidario, no futuro pensarán que nada disto é real.

Home e muller, ombreiro con ombreiro, sorriso con sorriso, loitando porque a atmósfera sexa máis respirábel.

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Textos e debuxos do 1º vídeo

6/3/08

A muller e a arte


“A historia da arte
nega ás mulleres e afirma á muller”
Marián L.F.Cao (Profesora da Universidade Complutense de Madrid)

Ata hai ben pouco as mulleres concretas e individuais cos seus desexos e preocupacións non aparecían nas plasmacións artísticas porque tiñan moi restrinxido o acceso como productoras de arte e non dominaban o ámbito que a sociedade patriarcal define e valida como arte verdadeira. Deste modo, as mulleres foron rexeitadas como creadoras e por tanto, a súa visión do mundo e de si mesmas case nunca foi exposta aos demais. As poucas mulleres que malia as enormes trabas acadaron importantes logros foron, en xeral, ignoradas pola Historia do Arte. Por outra banda, a arte e, na actualidade, tamén a publicidade, constrúen unha muller inventada e pouco cambiante. Prescíndese, en xeral, das mulleres de carne e oso xerando unha construcción universal que contenta as fantasías e os desexos que os homes desenvolven nunha sociedade onde a eles tamén se lles impoñen uns determinados valores tipificados como masculinos e bos. Certamente unha análise seria amosará outras produccións artísticas que non encaixarán neste esquema tan simplista. Porén, é innegable que non facer unha reflexión desde unha perspectiva de xénero é ocultar o papel que a arte ten como xustificadora de roles e constructora de conciencias.


A muller na literatura española ata o século XIX

Afírmase que o feminismo xurdiu cando unha muller aprendeu a ler, pero isto é certo se engadimos que foi cando tamén aprendeu a escribir. A maior parte das mulleres foron reducidas a unha especie de semianalfabetismo durante moito máis tempo cós homes. E necesitaron moito máis tempo aínda para acceder á liberdade intelectual de escoller os seus temas de lectura. Pero a loita máis longa tivérona que protagonizar para conseguir seren recoñecidas pola súa produción escrita. Moitas veces practicada en segredo, agochada baixo nomes masculinos, imos ver como moitas delas tiñan acceso á escrita grazas aos muros dos conventos, situación que cambiará a partires do século XIX. Pondo o hábito, as mulleres gañaban un pouco en mobilidade social, pagando un alto prezo: renunciar á súa feminidade e á súa sexualidade.




Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

5/3/08

10 Mulleres de cine no século XXI

O cabo dalgúns anos quen queira ter unha idea de como era a sociedade do 2008 e que papel tiña a muller nela terá que votar mán do cine.

Hoxe, anticípándonos aos acontecementos, propoñemos: dez miradas ao mundo fiminino a través de dez historias que nos mostran diferentes etapas das súas vidas.

Empezaremos por ver a aquelas que se incorporan o mundo, pero pola vía da adopción e vindo de lonxe en La pequeña Lola.

Votaremos unha ollada a aquelas nenas que difrutan unha infancia chea de comodidades e o mesmo tempo chea de histerismo, falamos de Pequeña Miss Sunshine.

Moitas mulleres procedentes de outras culturas, por adopción ou emigración, deben loitar na súa xuventude por compatibilizar as súas tradicións co seu contorno e iso e o que fan en Quiero ser como Beckhamn.

E seguindo co inevitable e marabillosa mestizaxe que nos invade, asistiremos a ruptura de tópicos que nos amosan en Las mujeres de verdad tienen curvas.

Pasada a xuventude: toca a vivir, e se non se dan as cousas como se soñaron e preciso poñerse á tarefa e tratar de cambialo todo e iso é o que fai Amelie.

Outras ven truncados os seus anhelos antes de poder cambialos, pero tratan de deixarnos un mundo mellor , como a protagonista de Mi vida sin mí.

En cualquera caso , a consigna e vivir dignamente e iso é o que tratan de facer as mulleres de Mataharis.

Claro que hai cousas que non cambian e os violentos
inimigos da convivencia e a igualdade fan das súas en
Te doy mis ojos.


Pero como dicía unha consigna: podedes arrincar as flores, pero non impediredes a chegada da primavera. Vemos isto no mundo que se inventa a granxeira de La suerte de Emma.

E acabamos cunha dura visión da idade madura en Diario de un escándalo. Que se ben non nos mostra un gran exemplo de vida si nos invita a una profunda e última reflexión.

Buscade estas películas nas bibliotecas, nas tendas ou mesmo nas carteleiras e gardádeas na memoria. Veredes como nuns poucos anos convírtense en documentos de vida deste 2008.


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.






Editar esta página (tienes permiso) Editar esta página (si tienes

4/3/08

Maruja Mallo a gran transgresora do 27

Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.
Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.


A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".
No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.
Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.

A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.



Para saber máis:
Biografía en Cutlura galega feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino
Biografía en Wikipedia
En Ciudad de Mujeres
Entrevisa a J.L. Ferris autor da última monografía editada sobre M. Mallo


Bibliografía
GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.