30/10/09

Fume

Título: Fume
Autor: Antón Fortes
Ilustracións:Joanna Concejo
Editorial: OQO

Un libro impactante que di sen dicir, non é explícito pero é tan real, un texto breve que unido a unhas ilustracións fantásticas conforman un libro que con aspecto infantil nos leva ata o máis profundo do ser humano e conmove as nosas entrañas dun xeito total.

28/10/09

COIDADO COAS IMÁXENES EN INTERNET

Esta finde nas Xornadas de bibliotecas Escolares puidemos ver un video feito pola Comunidade de Madrid sobre os perigros de subir imáxenes a internet, que para min foi impactante.
Cólgovolo como unha chamada para que reflexionemos todos, porque sexa como sexa dende o momento que subimos unha foto a internet queda fóra do noso control.
Así que... cando publiques algo pénsao ben.

26/10/09

Xornadas de Bibliotecas Escolares en Galicia

Os pasados 23 e 24 de Outubro tivemos unha nova reunión en Santiago ó redor das Bibliotecas Escolares: celebramos (e digo ben, celebramos) as Xornadas de Bibliotecas Escolares que nos veñen acompañando dende fai uns anos por estas datas, tanto en forma de encontros como de xornadas.
Este ano o lema foi "Novas lecturas, novos lectores".
E ata aquí chega a miña crónica porque a reporteira oficial Loly Lago da Biblioteca O Segrel do Penedo, ven de facer unha entrada no seu blog tan estupenda que como non se pode mellorar,... o que hai que facer e lela con calma porque e boísima e eu subscribo todo todo o que ela di.
Un recordo moi especial á Asesoría de Bibliotecas escolares de Galicia, que sempre están a altura, eu diría que andan máis aló das nubes..... Cristina e Pilar moitas grazas unha vez máis.

19/10/09

EL MUNDO DE HARRIET

Propóñovos hoxe un libro diferente, un pouco estraño, de Diana Janney.

É fácil de ler, pero deixa un trasfondo para pensar de cando en vez como di Harriet:

"Non sei se quereredes lelo todos vos, porque hai miles de libros entre os cales escoller e quizáis aquí (en vez de falarvos dos que lin eu) debería facerme eco só dos que sobresaen e asi recomendarvos un libro que vos guste e do que falaredes aos vosos amigos, porque é importante escoller libros que nos fagan rir, ou derramar unha lágrima, ou concebir algunha idea, porque a través dos libros recordamos experiencias vividas, xente que amamos, ou odiamos, os nosos éxitos, fracasos, obxectivos e medos. Todo a través dun libro ben escrito".

A nena protagonista non parece ter tan so 14 anos e dende logo nos os tería na nosa sociedade española. Agora que unha parte da nosa xuventude soña con escribir e publicar un libro, quizáis sexa o momento de ler este. Orixinal e imaxinativo.

E hoxe, o día despois da mani de Compostela (tedes totos no magnífico blog de
Mesturas)reclamamos o dereito de falar, escribir e pensar nesta fermosísima lingua que é o galego. Sen obrigas, sen imposicións, en liberdade e coa ledicia de ter unha lingua propia e viva. E que viva!!

16/10/09

EL PEZ DORADO

J.M. Le Clézio, premio nobel de literatura 2008 e gañador de outros moitos premios ofrécenos nesta obra unha especie de fábula dunha nena marroquí raptada na súa aldea e vendida a unha anciá que a instrúe e coa que forma un fogar (no sentido máis fermoso da palabra).

A partires da morte da anciá, Laila, a nena, empeza un periplo que a levará ata Francia para acabar volvendo ás súas raíces; un camiño en absoluto fácil, nin feliz, por sendas de marxinalidade, desarraigo e desamor.

Interesante e diferente.

8/10/09

COMIC: METRALLA

Israel roto polas tensións dunha guerra interna.

Un atentado no que se producen 5 víctimas, unha delas sen identificar.

Unha familia como calquera outra a pesares dos horrores da cotidianeidade que lles rodea.

Unha procura desesperada ao longo da que aparecen insospeitados rencores, preocupacións e amores da vida do pai/amante desaparecido.

Un relato que mantente na intriga, quizais un pouco frouxo ao final (para o meu parecer, totalmente subxectivo...), pero que resulta tan real e natural como a vida mesma.

Metralla é da autora israelí Rutu Modan

6/10/09

SETE CASAS EN FRANCIA

Empezo este curso contándovos o que lin durante o verán. Empecemos coa última novela de Bernardo Atxaga.

Estamos no Congo belga durante a ocupación de finais do XIX e principios do XX.

Un destacamento da Force Publique pasa alá os seus días entre o tedio e a cobiza, desexando regresar a Europa.

Os militares expolian o país á mínima oportunidade en cantidades xigantescas de todas as súas riquezas materiais e tamén humanas.

O desprezo polos nativos é patente, mesmo naqueles pouquísimos militares que parece sensibles (pero que ao fin de contas non o son en absoluto).

Prosa entre irónica e terrible, entre historia e fantasía. Creo que moi recomendable. Hai unha traducción ao galego en Faktoría K.