28/5/12

Nómades


Temos na nosa biblioteca un libro impresionante, sinxelo e fondo a un tempo. O ilustrador Xosé Tomás retrata a emigración feminina en Nómades, novela gráfica  articulada sobre breves pero reveladores episodios que teñen como fío condutor a emigración e como protagonistas a mulleres de diferentes idades e condicións. Polas súas páxinas pasan mulleres que atravesan o océano en caiuco, que se prostitúen para enviar o diñeiro ás súas familias, que emigran na vellez por acompañar os fillos e non se adaptan, que viven ás agachadas o seu lesbianismo ou que non poden regresar ao seu país a enterrar a un ser querido pola situación laboral irregular na que se atopan.  Trátase dunha historia que ten fe na superación persoal, posto que comeza cunha travesía pola morte, e remata coa redención humana. O autor documentouse a fondo para escribir e debuxar cada un dos episodios, o que nos permitirá coñecer de primeira man a vida das protagonista, rexeitar ideas preconcebidas e, sobre todo, comprender o drama de todas estas persoas.

9/5/12

Trogloditas

Para esforzarse no traballo e dar o mellor rendemento non hai acicate como o apoio, o ánimo, o recoñecemento por parte dos demais. Vímolo todos o pasado sábado no concerto de Trogloditas. Subira a banda ao escenario con poucos folgos –agás o batería, Jordi Vila, que era a alma do grupo-, pero ao cabo dun ratiño, cando foron sentindo como cantabamos no público, como os animabamos e, principalmente, o ben que o estabamos a pasar, entón tamén eles se foron entregando. O resultado foi un concerto memorable, o primeiro co que a sala Le Club da comezo á tempada. Un concerto co mellor protocolo clásico: teloneiros –a banda coruñesa Doctor Snob-, puntualidade, diálogo entre músicos e público, a sección rítmica orixinal de Trogloditas e varias cancións –das máis famosas- a maiores: o público non nos cansabamos de pedir outra canción e Lobo –o cantante- concedíanola. O noso parabén. Trogloditas