17/5/07

Ó redor de María Mariño

A verdade é que este mundo da moitas voltas e é moi caprichoso coas coincidencias e eu pregúntome ata que punto as vidas pasan e se mesturan sen darnos conta?...
A que ven esto? Pois a que de golpe, lendo biografías e noticias e visitando páxinas web sobre María Mariño, atopei dúas cousas coas que me sentín identificada e me levaron a observar a esta figura das letras galegas con outros ollos máis cercanos.
Unha foi que María viviu durante dous anos en Arzúa, xusto antes de instalarse no Courel, concretamente no lugar de Currás, parroquia de Dodro, onde o seu home era mestre da escola. Este dato, pouco coñecido, faina tamén un pouco nosa.
Continuando coa lectura, atopei outra cousa que me chamou a atención: o único título da súa obra que ela viu publicado, "Palabras no tempo" (Ano 1963), foi editado en Lugo, pola editorial "La Celta" que entón estaba rexida polo editor-libreiro Francisco Esteban González . A Librería Celta era unha institución no Lugo da miña nenez, e eu non coñecía a faceta editora da mesma, por eso decidín preguntarlle algúns datos a Ana Esteban, a miña compañeira de estudios e neta do editor. Esto foi o que me contou: " O meu avó Francisco Esteban González, naceu en Madrid en 1898, e alí viviu ata que, unha vez xa casado coa miña avoa Vitoria, se trasladou a cidade de A Coruña para traballar como policía municipal.
Non foi ata, aproximadamente o ano 1930, cando se abriu a primeira Librería e Imprenta Celta en Lugo, na Rúa de San Pedro nº 1. No ano 1939 trasládase á Rúa de San Marcos nº 29, e alí é cando comenzan as labores da Editorial e a Imprenta. Como final pódoche comentar que haberá sobre 206 libros imprensos e editados pola Celta".
Pois vaia dende aquí no
Día das Letras Galegas, a nosa homenaxe a eses editores que como don Francisco emprenderon camiños de cultura e publicaron en galego en tempos nos que non era tan doado.
Para coñecer máis datos de María Mariño, podedes visitar as seguintes páxinas
Biblioteca Virtual Galega, Album de mulleres, unha marabillosa páxina da Concellería de Cultura e Deportes e por último Revolta da Freixa, a bitácora do Departamento de Lingua do IES de Teis, que fixo un completo traballo sobre a homenaxeada neste día e ademais de enlazar con varias páxinas xa mencionadas, fai un percorrido moi interesante polos artigos que, sobre a súa figura, foron publicados en prensa.

Nota: A foto é dos inicios da actividade da librería La Celta, sobre 1936 (toda unha xoia)

1 comentario:

Oki dijo...

Estou contenta da elección de María Mariño, para celebrar as letras galegas este ano. E digo isto dende a miña perspectiva como muller, xa que parece que a inmensa maioría dos homenaxeados neste día son homes.

Eu non sei toda a lista de memoria pero se vos fixades soamente hai 3 mulleres: Rosalía de Castro en 1963 que inicia a mesma, Francisca Herrera Garrido en 1987 e María Mariño neste 2007.

Nestes tempos de paridades entre homes e mulleres, parece un contrasentido que non exista unha maior representación femenina para celebrar as letras galegas.