21/12/07

Árbores do mundo e de nadal (IV): O acivro

As folerpas auleando polos cómaros,
artistas do silencio como espias,
mandan a súa mensaxe ao corazón do solitario: vermello do grial en rio quente
conmovendo as raíces dos acivros
(Santuario de Manuel Lourenzo)


O acivro é unha árbore intimamente unida ó Nadal, dende tempos moi antigos.
Nalgúns países atribúenselles propiedades máxicas, de aí a súa tradición e simbolismo. Así para os celtas era unha árbore sagrada que utilizaban nos ritos do solsticio de invero (no nadal actual) par atraer a sorte, a fertilidade e a prosperidade. Quizais por iso agora está presente neste tempo de Nadal e hai quen afirma que plantado á beira da casa protéxenos da mala sorte. En Galicia, o xénero está representado por unha única especie: Ilex aquifolium, e forma parte da flora silvestre da montaña onde acada un gran valor paisaxístico e ecolóxico, aínda que na actualidade é unha árbore-arbusto protexida, non só en España, senón tamén en moitos lugares de Europa debido á depredación salvaxe á que foi sometido co obxectivo de servir para a decoración en tempos de Navidad.
Esta árbore da que hoxe tratamos está entre arbusto e árbore (aínda que pode superar os 10 m. de altura) está asociada a bosques de coníferas e carballos. e é unha especie de sombra e semisombra, de climas templado-fríos sen demasiada secura, xa que lles gusta a humidade ambiental.
O que máis destaca son as súas follas con beiras onduladas e espiñentas e sobre todo o seu froito, de intensa cor vermella que destaca entre as follas, ademais é típico dos meses fríos outubro-novembro-decembro, o que o fai moi apreciado para a decoración. Os froitos son fonte de alimento para moitas especies dos bosques (entre eles o urogaio) pero son tóxicos para o consumo humano.
Aínda que o seu valor máis coñecido está relacionado coa decoración navideña e como árbore de xardín, tamén hai que dicir que proporciona unha madeira moi apreciada en ebanistería e tamén ten propiedades mediciñais (a cortiza e as follas usábanse como remedio para calmar a febre), ademais é purgante e tranquilizante.
Ah !! tamén recordade que é unha especie dioica (pes masculinos e pes femininos) e que son as femias as que aportan esa marabillosa cor vermella dos froitos.
En Galicia hai un acivro digno de mención, o do Pazo de Casanova en Arca que está dentro do catálogo de árbores de patrimonio vexetal (segundo Rodriguez Dacal e Izco)
Unha antiga historia celta "O rei carballo e o rei acivro" que se representaba a comenzos do inverno conta como na rolda dos ciclos naturais, o rei acivro é dono e señor da parte escura e fría do ano e que toma o relevo de soberanía do rei carballo que gozou dos meses máis luminosos e cálidos"
Buscade máis información das tradicións de nadal en : http://www.edu.xunta.es/contidos/portal/nadal/nadal.htm

2 comentarios:

O Segrel do Penedo dijo...

Parabéns por estes posts sobre as árbores do mundo. Unha idea fantástica!!
Felices Festas e bicos dende Fene.

olga dijo...

¡Que bonito acivro!
Felices e tranquilas festas, sempre á sombra dun libro.
olga