24/10/19

Unha novela gráfica: La guerra civil española de Paul Preston e un comentario

O día 24 de Outubro de 2019 marcará unha data histórica na complicada e traumática relación entre nós e o noso pasado. O próximo xoves, o ataúde de Franco sairá rodeado dos seus familiares do “Valle de los Caídos” e unha das controversias máis célebres da política estatal chegará ao seu final, e, con algo de sorte, o final desta conversa dará lugar a outras máis profundas que deriven dela. Hainos que din que se están usando os restos do ditador con fins políticos, e teñen razón. Pero non a teñen coma eles pensan. O xeneral do que falamos impúxose sobre un goberno democrático coa forza das armas e a inestimable axuda da industria e os soldados dos seus irmán maiores, as potencias fascistas que, nuns meses dende o final da Guerra Civil, conducirían ao mundo cara unha espiral cada vez máis e máis fonda de morte e destrución nunha escala nunca igualada na historia da humanidade. Logo de esmagados os seus inimigos tras case 3 anos de brutal guerra, reinou, coma un monarca absoluto, durante máis de 40 anos de persecución e humillación para os vencidos. E logo morreu e descansou tranquilo baixo a impoñente cruz, levantada por prisioneiros de guerra, que se converteu na xoia da coroa do seu mausoleo. E durante 40 anos máis seguiu alí, intocable, escondido tralas paredes de pedra do enorme memorial e mellor protexido aínda polas paredes de medo que levantou, e que duraron ata ben despois de que morrera. As paredes que o volveron omnipotente, que fixeron que volvera poñer termos de paz estando morto, ditando amnistía para os seus, dándolle o poder aos seus achegados, impoñendo ao seu sucesor. E intentou outra vez máis, dende debaixo da súa cruz, enterrar con el a memoria e a dignidade dos vencidos. Pero xustamente eso, foi o que non deu feito nunca, nin na vida nin na morte.
Os seu ostentoso mausoleo de rei, o seu Escorial particular, o símbolo do seu poder incuestionado ata despois de morto, non acovardou aos vencidos. E por fin, esta semana, deixará de vixiarnos dende esa montaña maldita. Esperemos que, con algo de sorte, este xesto tan político non sexa o último. Que o sigan outros máis políticos aínda. Que se condene publicamente o seu réxime criminal, que se retiren as medallas aos seus xenerais, que saquen das nosas rúas o seu nome e de todos os que tiveran que ver con el. E non nos podemos quedar aí, non. Que se persigan aos executores das ordes do ditador, que os torturadores que aínda viven pasen os seus últimos días enfrontándose á xustiza que sempre mereceron. Que consultemos ao pobo a súa opinión sobre o xefe de estado que nos impuxo, e, sobre todo, que cada un dos caídos de verdade, dos que morreron na defensa da liberdade e cuxos ósos podreceron debaixo dun carballo ou nunha cuneta, teñan o seu modesto Valle nos mausoleos das súas familias. Que poidan, dunha vez para sempre, cerrarse unhas feridas que levan abertas e sen parar de sangrar 80 anos e que poidamos mirar adiante sen o lastre dunha historia que nos perseguía. Que, en definitiva, non lle deixemos seguir gañando a guerra despois de morto. Para que un símbolo signifique algo non pode representarnos a todos, por forza ten que excluír a alguén para cumprir o seu obxectivo de representar a un grupo. Mentres manteñamos símbolos que exclúen aos vencidos no estado, en monumentos e institucións, a guerra nunca rematará, pois seguirán os vencedores berrando en cada bandeira, tribunal e “Valle” a súa victoria, recordándolle a súa desgracia aos derrotados. Librémonos deles, e lembremos sempre o moito que nos costou, pois non debe voltar a pasar. IVÁN OROIS, 2º BACH

3/10/19

REPORTANDO O 27 DE SETEMBRO: NON TEMOS PLANETA B .

Por Andrea Varela- 3º ESO A 
27S

Eran as seis e media e saímos cara Santiago. Ao chegar, buscamos a Praza do Matadoiro e, cando por fin a atopamos, colocámonos nunha esquina e comezamos a ler o que estaba escrito nalgunha das pancartas, como por exemplo "NON HAI PLANETA B", "NIN UN GRAO MÁIS, NIN UNHA ESPECIE MENOS", "HAI MÁIS PLÁSTICO CA SENTIDO COMÚN", entre outras. As catro sentíamos moita emoción, e o sentimento foi en aumento cando iniciamos o percorrido. Empezamos a ver máis mensaxes que a xente escribira, que nos fixeron darnos conta de que o problema do cambio climático e moito máis grave do que parece. A estas mensaxes hai que sumarlle as frases que todas e todos coreabamos, como por exemplo "AQUÍ ESTÁ, AQUÍ SE VE, O ECOLOXISMO GALEGO EN PÉ", "NON EXISTE PLANETA B", "NIN UN GRAO MÁIS, NIN UNHA ESPECIE MENOS", "NON NOS MIRES, ÚNETE", "CAMBIEMOS O SISTEMA, NON O CLIMA", "FEIJÓO, ATENDE, O MONTE NON SE VENDE", e moitas máis. 
Para rematar o percorrido, escoitamos un discurso na Alameda, no que se falaba tanto de problemas actuáis como dos que haberá nun futuro se non os freamos agora, e tamén dalgunhas das posibles solucións que popoderiamos levar a cabo. Foi una experiencia increíble, na que o pasamos xenial, pero que tamén nos fixo reflexionar sobre que quizais non haberá un futuro para a Terra.

-->