16/4/14

Un faro na escuridade.

Xa temos na nosa biblioteca a segunda parte de O Mundo secreto de Basilius Hoffman. Titúlase Un faro na escuridade. Haberá que esperar a que quede libre porque xa está emprestado, mesmo sen estar catalogado. A este ritmo catalogaremos o libro cando xa non lle quede nin portada. Regresan as aventuras do profesor Basilius Hoffman: historiador e arqueólogo de mundos ocultos, cabaleiro a tempo parcial e truán a xornada completa. Nesta ocasión a súa procura do lendario Diario do Cartógrafo levarao a descubrir novos e misteriosos lugares, abraiantes inventos alquímicos, inquietantes criaturas, e tamén a desenterrar escuros segredos que nunca deberían ver a luz. A Cidade dos Tellados é o escenario desta nova aventura. "Existe un lugar perdido no profundo da noite, unha cidade secreta sen casas nin edificios, só tellados, azoteas, faiados e chemineas, bufardas, campanarios, torreóns… A Cidade dos Tellados non ten rúas, só pontes e pasarelas, tubaxes e escaleiras que sortean o nebuloso mundo que existe baixo a súa superficie. Un segredo, tan antigo como o propio mundo, ocúltase tras este labirinto insondábel, pero para descubrilo, o profesor Basilius Hoffman e o seu sobriño Peter deberán enfrontarse á máis profunda escuridade, aquela que habita no noso interior."

10/4/14

O mundo secreto de Basilius Hoffman

...xa non é nada secreto, porque moitos de nós aprendemos o camiño. O primeiro libro titúlase O ladrón de soños. "Aquí comeza a saga do profesor BasiliusHoffman: historiador, arqueólogo, cabaleiro a tempo parcial e truán a xornada completa. E a súa viaxe na procura do lendario Diario do Cartógrafo, na que descubriremos cidades perdidas no profundo da noite, sociedades secretas, misteriosas criaturas, poderosas reliquias sagradas, imposibles aparellos mecánicos, e unha infinidade de curiosos personaxes." Fernando M. Cimadevila é o autor do texto, e Iván Valladares dos debuxos -moi fermosos. Hai moitas horas de traballo detrás de este libro "para todos os públicos", unha encomiable labor de documentación, de rigor histórico e artístico. Pero -o que é aínda máis loable- unha grande dose de profesionalidade, de esforzo ilusionado. Nos tempos tan comercialistas, mercenarios incluso, que vivimos, un ingrediente que sorprende primeiro, e despóis engaiola é a ilusión. A que puxeron estes dous mozos no seu traballo.